Galicia pioneira a nivel nacional
na creación dunha estratexia para reducir o nivel de exposición da
cidadanía ao gas radon
Entre as
súas accións máis importantes están:
-
Creación dunha comisión interdepartamental, adscrita á Consellería
de Sanidade, para coordinar e impulsar as políticas públicas en
relación ao gas radon, cunha oficina técnica encargada da execución
das iniciativas
-
Medición dos niveis do radon en centros sanitarios, educativos,
sociosanitarios e fomentará a medición nos fogares e centros de
traballo privados
-
Recollida de información relacionada coa exposición ao radon no
ámbito laboral e domiciliario para ser incorporada á carpeta
persoal e á historia clínica de cada paciente
-
Impulsarase a investigación de excelencia entre a saúde pública e
outras áreas de coñecemento, en colaboración coas universidades
galegas
-
Debido a que a exposición a niveis elevados de radon no interior das
vivendas é o primeiro factor de risco para padecer cancro de pulmón
en persoas que nunca fumaron, Galicia intensifica o esforzo para
reducir a incidencia do cancro de pulmón, que xa se materializa en
iniciativas como o proxecto piloto do cribado na área sanitaria da
Coruña e Cee
O
7 de novembro, coincidindo
co día europeo do radon,
presentouse a Estratexia galega reduce radon, aprobada no
Consello da Xunta do 4 de
novembro, iniciativa
pioneira a nivel nacional da Consellería de Sanidade, impulsada co
obxectivo de desenvolvela no período temporal 2025-2030 para reducir
o nivel de exposición da cidadanía a este gas.
O
gas radon é especialmente abundante en Galicia debido, entre outras
cousas, ao alto contido en granito do subsolo. A súa concentración
en ambientes interiores depende da área xeográfica e do nivel de
illamento das construcións. A exposición continuada a niveis
elevados de radon no interior das vivendas é o segundo factor de
risco despois do tabaco para padecer cancro de pulmón e o primeiro,
no caso de persoas que nunca fumaron.
A
Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade
impulsa a Estratexia galega reduce radon con dous obxectivos
principais: reducir os niveis deste gas en ambientes interiores para
manter os límites de exposición de acordo coa normativa europea e
española; e previr e controlar as consecuencias para a poboación
galega da exposición ao radon en ambientes interiores.
Medidas
previstas
A
Estratexia galega reduce radon estrutúrase en cinco eixes
estratéxicos para acadar unha Galicia menos exposta a niveis de
radon nos ambientes interiores.
-
O primeiro eixe busca identificar os niveis de radon en lugares e
áreas de Galicia, de modo que se poidan saber as áreas nas que
existe unha maior probabilidade de encontrar altas concentracións de
radon en edificacións, para facilitar o deseño da protección a
nivel colectivo. Durante a vixencia do plan, a Xunta medirá os
niveis do radon en centros sanitarios, educativos, sociosanitarios e
fomentará a medición nos fogares e centros de traballo privados.
-
O segundo eixe de acción está orientado á vixilancia
epidemiolóxica e da saúde, que servirá para orientar con maior
eficacia a prevención dos riscos para a saúde asociados á
exposición a niveis de radon, así como realizar a planificación e
avaliación sanitaria. Con este obxectivo, implantarase un sistema
sinxelo de recollida de información sobre exposición ao radon para
que sexa incorporada á carpeta persoal e á historia clínica
electrónica única de cada paciente da sanidade pública galega.
-
O terceiro eixe busca acadar unha boa xestión do coñecemento dos
efectos da exposición ao radon na saúde da poboación para
conseguir a integración dos diversos sectores involucrados con
vistas a obter solucións integrais e que estas sexan as mellores
solucións posibles. Neste sentido, a Xunta impulsará a
investigación interdisciplinar de excelencia entre a saúde pública
e outras áreas de coñecemento, en colaboración coas universidades
galegas. Ademais, desenvolverase un plan de formación de axentes que
interveñen no ámbito da edificación, do arrendamento ou da
prevención de riscos laborais.
-
O cuarto eixe está enfocada a acadar unha comunicación eficaz e
clara para os profesionais e a poboación para conseguir o
apoderamento para a saúde das persoas a título individual e das
comunidades. Na práctica, deseñarase un plan de comunicación e
información sobre os riscos para a saúde da exposición ao radon,
así como a elaboración de guías para reducir a exposición aos
niveis de radon nos edificios existentes.
-
O quinto eixe céntrase na xestión do risco da exposición ao radon
na poboación galega. Crearase unha comisión interdepartamental,
adscrita á Dirección Xeral de Saúde Pública, para coordinar e
impulsar as políticas públicas en relación ao gas radon. Tamén
está previsto crear a Oficina técnica de control do radon para,
poñer en marcha e desenvolver todas as accións indicadas nesta
estratexia.
Un
dos principios reitores desta estratexia é o enfoque en saúde en
todas as políticas, xa que para conseguir a diminución dos niveis
de radon nos ambientes interiores é necesario tomar medidas e
decisións, non só sanitarias, senón tamén nos ámbitos da vivenda
e do urbanismo, das infraestruturas, do emprego, da política social,
da educación, etc.
A
estratexia presentada pola Consellería de Sanidade completa a liña
de acción global que está a desenvolver a Xunta para reducir a
incidencia e mortalidade do cancro de pulmón en Galicia.