Información xeral

Información xeral

A contaminación do aire exterior defínese como unha mestura complexa que inclúe numerosos elementos, entre os que destacan catro contaminantes. Podendo ter unha orixe natural e/ou antropoxénica, sendo esta última a de maior causa de contaminación atmosférica.

As novas Directrices mundiais da OMS sobre a calidade do aire aportan probas do dano que a contaminación do aire inflixe á saúde humana en concentracións aínda máis baixas do que se supoñía ata agora.​​​​​

O termo contaminación atmosférica fai referencia á presenza de substancias na atmosfera, que resultan das actividades humanas ou dos procesos naturais, presentes en concentración suficiente por un tempo suficiente e baixo determinadas circunstancias que interfiren no confort, a saúde e o benestar dos seres humanos ou do ambiente.

A Directiva 2008/50/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2008, relativa á calidade do aire ambiente e a unha atmosfera máis limpa en Europa, establece medidas destinadas, entre outros fins, a definir e establecer obxectivos de calidade do aire ambiente para evitar, previr ou reducir os efectos nocivos para a saúde humana e o medio ambiente no seu conxunto, avaliar a calidade do aire ambiente nos estados membros baseándose en métodos e criterios comúns e asegurar que esa información sobre a calidade do aire este a disposición dos cidadás. Esta Directiva incorporase o noso dereito interno nacional a través do Real Decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire , o cal foi modificado polo Real Decreto 34/2023, do 24 de xaneiro, polo que se modifican o Real Decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire; o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/20022, do 1 xullo, de prevención e control integrados da contaminación aprobado mediante o Real Decreto 815/2013, do 18 de outubro; e o Real Decreto 208/2022, do 22 de marzo, sobre as garantías financeiras en material de residuos.​

O Real Decreto é a norma que define as actuacións a realizar por tódalas administracións públicas implicadas na xestión da calidade do aire. Define os obxectivos de calidade do aire para os contaminantes atmosféricos con máis incidencia na saúde das persoas e no medio ambiente. Ademais, regula la avaliación, o mantemento e a mellora da calidade do aire, co establecemento de métodos e criterios comúns de avaliación. Por outro lado, determina a información que debe ser intercambiada entre as administracións públicas para o cumprimento do deber de información á Comisión Europea, así como a información que debe ser posta a disposición do público.

As comunidades autónomas e entidades locais definen as súas correspondentes zonas e aglomeracións, nas que se avalía a calidade do aire para os contaminantes dióxido de sofre (SO2), dióxido de nitróxeno e óxidos de nitróxeno (NO2, NOx) partículas (PM10 e PM2,5), chumbo (Pb), benceno (C6H6), monóxido de carbono (CO), arsénico (As), cadmio (Cd), níquel (Ni), benzo(α)pireno e ozono (O3).

Dita avaliación efectúase considerando diversos obxectivos de calidade do aire. Distínguese entre:

  • Obxectivos para a protección da saúde (valores límite) definidos para: dióxido de sofre e nitróxeno, PM10 e PM2,5, chumbo, benceno e monóxido de carbono.
  • Obxectivos para a protección da saúde (valor obxectivo, obxectivo a longo prazo) definidos para: PM2,5, arsénico, cadmio, niquel, benzo(α)pireno e ozono.

A nosa comunidade autónoma conta cunha normativa específica en materia de calidade do aire, a Lei 8/2002, do 18 de decembro, de protección do ambiente atmosférico de Galicia. O fin primordial de esta lei, orientada á consecución dun desenvolvemento sostible, é evitar a contaminación atmosférica producida polo home, directa ou indirectamente, mediante a introdución na atmosfera dos contaminantes que, por si mesmos ou como consecuencia da súa transformación, poidan inducir efectos nocivos, prexudiciais ou molestos sobre a saúde humana, os ecosistemas e os hábitats, incluíndo o patrimonio histórico. 

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde