Recomendacións sanitarias e efectos sobre a saúde

Recomendacións sanitarias e efectos sobre a saúde

A OMS recoñece a contaminación do aire como un factor de risco para a saúde humana e inda que existen limiares para elementos contaminantes presentes no aire exterior, non existe un límite a partir do cal os elementos contaminantes non son un risco para a saúde.

Por elo, é necesario o establecemento de recomendación actualizadas para diminuír a exposición da poboación a dito risco. A inclusión das recomendacións para a saúde, demostraron a diminución dos problemas de saúde derivados da exposición aos contaminantes que se atopan no aire exterior.​​​​​​​​

Na contaminación atmosférica os catro contaminantes máis destacados, material particulado, dióxido de nitróxeno e sofre e ozono, ademais de contribuír ao cambio climático, afectar ás variables meteorolóxicas, como a humidade ou a temperatura, teñen efectos adversos sobre a saúde humana. Establécense relacións entre a calidade do aire e determinados prexuízos en diferentes sistemas do organismo. Porén, estes contaminantes presentan interacción entre eles e actúan xuntos en moitas ocasións. É, polo tanto, difícil relacionar a presencia e concentración dun determinado composto cun efecto específico, en moitos casos falase de contaminación atmosférica no seu conxunto.

Recomendacións para a saúde en función da calidade do aire

BOA
Mensaxes Calidade do aire satisfactoria, a contaminación non supón un risco para a saúde
Grupos de risco Desfruta das túas actividades no exterior de xeito normal
Poboación xeral Desfruta das túas actividades no exterior de xeito normal


FAVORABLE
Mensaxes Calidade do aire aceptable, aínda que algúns contaminantes poden supoñer un lixeiro risco para a saúde dos grupos de risco e individuos sensibles á polución
Grupos de risco Considera reducir as actividades prolongadas e activas no exterior. Non é perigoso estar no exterior, pero toma máis descansos e diminúe a intensidade da actividade
Poboación xeral Vixía a aparición de síntomas como tose ou falta de aire e, se aparecen, considera reducir a exposición prolongada ou activa no exterior


REGULAR
Mensaxes A calidade do aire probablemente non afecte á poboación xeral pero pode presentar un risco moderado para os grupos de risco
Grupos de risco Reduce as actividades prolongadas e activas no exterior. As persoas con asma ou enfermidades respiratorias deben seguir coidadosamente o seu plan de medicación e usar o seu inhalador máis frecuentemente. Os adultos con problemas do corazón poden experimentar palpitacións, dificultade na respiración ou fatiga inusual; se ocorre, busca asistencia médica
Poboación xeral Vixía a aparición de síntomas como tose, irritación de gorxa, falta de aire, fatiga excesiva ou palpitacións. Se aparecen, reduce as actividades prolongadas e activas no exterior


MALA
Mensaxes Toda a poboación pode experimentar efectos sobre a saúde e os grupos de risco efectos moito máis serios
Grupos de risco Evita as actividades prolongadas e activas no exterior, considerar realizalas no interior ou pospoñelas para cando a calidade do aire sexa boa ou moderadamente boa. Segue o plan de tratamento meticulosamente
Poboación xeral Reduce as actividades prolongadas e activas no exterior, especialmente se experimentas tose, falta de aire ou irritación de gorxa


MOI MALA
Mensaxes Condicións de emerxencia para a saúde pública, a poboación enteira pode verse seriamente afectada
Grupos de risco Evita as actividades prolongadas e activas no exterior, considerar realizalas no interior ou pospoñelas para cando a calidade do aire sexa boa ou moderadamente boa. Segue o plan de tratamento meticulosamente
Poboación xeral Evita toda actividade física no exterior e considera realizalas no interior ou pospoñelas para cando a calidade do aire sexa boa ou moderadamente boa


PÉSIMA
Mensaxes Condicións de emerxencia para a saúde pública, a poboación enteira pode verse gravemente afectada. Poderanse tomar medidas excepcionais
Grupos de risco Evita a estancia prolongada no exterior. Segue o plan de tratamento meticulosamente, e acude a un servizo de urxencias se o teu estado de saúde empeora
Poboación xeral Evita toda actividade física no exterior e considera realizar as actividades no interior ou pospoñelas para cando a calidade do aire sexa boa ou moderadamente boa. Utiliza a protección axeitada para os traballos que deban ser realizados no exterior
 

Efectos sobre o aparato respiratorio

A presencia dos catro contaminantes teñen un efecto significativo sobre as admisións hospitalarias por problemas respiratorios debido a enfermidades do tracto respiratorio inferior, como bronquite aguda, bronqueolite e neumonía. En episodios agudo de alta contaminación, observouse ca función dos pulmóns diminúe notablemente, agravando enfermidades respiratorias como o asma e provocando síntomas como irritación de garganta, tos e disnea. Ademais, a exposición a altos niveis de NO2 relacionase coa ausencia escolar de nenos debido a problemas respiratorios nos seguintes tres días á exposición.

As PM ao depositarse nas vías respiratorias, producen un estres oxidativo nos pulmóns que leva a súa inflamación. A súa vez, o estres oxidativo contribúe á carcinoxénesis, polo que a exposición prolongada a O3 e metais presentes nas PM tamén provocan enfisema e cancro de pulmón. O O3 tamén inicia a inflamación pulmonar, mentres que o NO2 incrementa a susceptibilidade de sufrir infeccións respiratorias. A exposición prolongada a esta contaminación relaciónase co desenvolvemento de asma, a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) e a deficiencia da función pulmonar permanente.

Efectos sobre o aparato cardiovasculares

A exposición aguda á contaminación provoca unha maior hospitalización por infartos de miocardio e anxinas de peito, normalmente dous días despois do episodio. Ademais, pode provocar síntomas como taquicardias, aumento da presión sanguínea e anemia (debido aos mentais presentes nas PM).

Estes contaminantes actúan oxidando lípidos e proteínas como xerador de radicais libres, o cal promove ao estrés oxidativo e respostas inflamatorias. Os radicais libres tamén alteran as proteínas e o ADN, o que pode derivar no cancro e outras anomalías moleculares. Ademais, as pequenas PM que pasan ao sistema circulatorio poden estimular a liberación de citoquinas e estimular receptores irritantes en todo o corpo.

Respecto á exposición prolongada á contaminación atmosférica, observouse o aumento do estado de estrés oxidativo que provoca enfermidades cardiovasculares dexenerativas (exemplos, arteroesclerosis e ataques de corazón), dano no tecido miocárdico (isquemia e hipertrofía), a calcificación de arterias coronarias, o síndrome coronario e a trombose.

corpo.jpg
Fonte: Elaboración de recomendacións asociadas a calidade do aire, baseado na información de Rückerl et al (2011)

Efectos sobre o sistema nervioso

Os efectos nocivos soen darse por metais pesados que se atopan asociados ás PM, xa que se encontraron ditas partículas no cerebro humano. Porén, a alta presencia de O3 e PM demostráronse influentes ao xerar inflamación e estrés oxidativo no cerebro. Estableceuse unha relación significativa entre a presencia dos contaminantes no aire e un descenso de funcións congnitivas e enfermidades neurodexenerativas.

Algunhas destas enfermidades relacionadas coa contaminación do aire atmosférico son: enfermidades de Alzhéimer e Parkinson, o desenvolvemento defectuoso do sistema nervioso, as embolias e o risco de autismo. A neurotoxicidad provocada por eles resultou ser un factor de risco para desordenes do sono, fatiga, tremores, etc.

Aparte da respiratoria, unha vía de entrada de contaminantes ao sistema nervioso é o epitelio olfactivo, podendo causar dano nas neuronas sensitivas. Por elo, a perdida de olfacto é un síntoma moi común nas enfermidades de Alzhéimer e Parkinson. Estes defectos neurotóxicos son específicos da exposición, sendo tempo e dose dependente.

Efectos sobre o sistema reprodutivo

Relacionase o alto nivel de contaminantes no aire con malformacións do feto, crecemento defectuoso ou aborto espontáneo. Suxírese que ditos efectos sexan causa da exposición a metais e dioxinas asociadas a PM e algunhas das cales poden transferirse a través da placenta. Tamén afecta á calidade do esperma, xa que moitos de estes compostos poden funcionar como disruptores endocrinos e alterar a segregación de hormonas.

Grupos vulnerables e de risco

Dentro da poboación xeral, existen grupos de persoas que poden sufrir en maior medida os efectos da contaminación atmosférica. Esta susceptibilidade pode vir dada por modificacións xenéticas.

Segundo a idade pódense identificar dous grupos de risco máis vulnerables que o resto aos altos niveis de contaminación.

  • Nenos. Presentan un maior risco, xa que os seus órganos non están completamente desenvolvidos e os seus sistemas de defensa non están maduros. Ademais, a súa taxa de respiración por minuto é maior e pasan máis tempo expostos ao aire exterior e realizando actividades máis vigorosas.
  • Persoas maiores (>65 anos). Os seus órganos están máis deteriorados e son máis vulnerables. Inda que neste caso é máis difícil atribuír o efecto da exposición á contaminación do aire.
  • Individuos con enfermidades respiratorias e cardiovasculares. Considéranse casos de risco aqueles individuos que sofran déficits respiratorios (asma, EPOC, etc.), problemas cardiovasculares (arteriosclerosis, fallos cardíacos, anxinas, etc.) e incluso diabetes e obesidade.
  • Embarazadas. O dano agravase tanto para a nai com o a proxenie. Nas nais porque se atopan nun momento de vulnerabilidade durante o embarazo, e na descendencia porque poden sufrir o impacto dos mesmos e desenvolver algún efecto adverso.
  • Persoas de baixo nivel​ socioeconómico. O baixo nivel económico conleva ter unha peor nutrición e unha vivenda en barrios industriais con peor calidade do aire.
  • Traballadores que desempeñen traballos físicos no exterior.
Para máis información acceder o documento elaborado polo Ministerio de Sanidade Elaboración de recomendacións asociadas á calidade do aire.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde