Información xeral

Información xeral

0s problemas na calidade do aire do interior recoñecense como importantes factores de risco para o ser humano tanto en países con altos, medios e baixos ingresos. O aire interior é importante tamén porque as persoas pasan unha proporción substancial do seu tempo en edificios. En residencias, centros de saúde de día e outros edificios especiais, a contaminación do aire interior afecta a grupos de poboación que son particularmente vulnerables debido o seu estatus de saúde ou idade.​​​

O termo calidade do aire interior fai referencia ás condicións ambientais dos espazos interiores definidas polos niveis de contaminación química, biolóxica e os factores físicos. Exclúense do campo de aplicación desta definición os recintos destinados ao uso industrial e/ou agrícola.

No aire interior encóntrase unha mezcla de contaminantes procedentes de diferentes fontes. A maior parte destas fontes encontránse no interior, pero é de destacar o feito de que o aire exterior que entra na vivenda, pode introducir contaminantes que non se orixinan neste ambiente. Polo tanto o ambiente interior en calquer clase de edificio, incluidas vivendas, é un resultado da interacción entre o sistema do edificio (deseño orixinal e as subsecuentes modificacións na estrutura e os sistemas mecánicos), as técnicas de construción, as fontes de contaminación (materiais de construción e mobiliario, humedade, procesos e actividades dentro do edificio), os ocupantes do edificio e as fontes externas.

Estímase que os niveis de contaminación do aire interior poden ser entre dúas e cinco veces superiores aos do aire ambiente. A concentración resultante depende dunha complexa interacción de varios factores que afecta á introdución, dispersión e retirada dos contaminantes:

  • Tipo, natureza e número de fontes.
  • ​Características de uso da fonte.
  • ​Características do edificio.
  • Tasas de infiltración e ventilación.
  • Mezcla de aire entre e dentro dos compartimentos dun espazo interior.
  • Tasas de retirada e potencial reemisión ou xeneración polas superficies interiores e transformacións químicas.
  • Existencia e efectividade de sistemas de retiradas do aire contaminado.
  • Concentracións no exterior.

O feito de que as persoas pasemos unha elevada porcentaxe do noso tempo en recintos cerrados, outórgalle unha importancia especial á calidade do aire interior das vivendas, dos edificios públicos ou do ámbito laboral.

O Real Decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE) establece, en función do uso dos edificios, catro categorías da calidade do aire interior (IDA) que se deberán acadar como mínimo:

  • IDA 1 (aire de óptima calidade): hospitais, clínicas, laboratorios e escolas infantís.
  • IDA 2 (aire de boa calidade): oficinas, residencias (locais comúns de hoteis e similares, residencias de anciáns e estudantes), salas de lectura, museos, salas de tribunais, aulas de ensinanza e asimilables e piscinas.
  • IDA 3 (aire de calidade media): edificios comerciais, cines, teatros, salóns de actos, habitacións de hoteis e similares, restaurantes, cafeterías, bares, salas de festas, ximnasios, locais para o deporte (salvo piscinas) e salas de ordenadores.
  • IDA 4 (aire de calidade baixa)

Así mesmo, establece cinco métodos para o cálculo do caudal de aire exterior de ventilación, necesario para alcanzar as categorías de calidade de aire interior. Dous deles son métodos indirectos, onde o caudal exterior se determina pola ocupación ou pola superficie dos locais, e os tres restantes son métodos directos, onde o caudal de ventilación se determina por calidade do aire percibido, concentración de CO2 e polo método de dilución.

Por outra banda, o Real Decreto 314/2006, do 17 de marzo, polo que se aproba o Código Técnico da Edificación (CTE) establece na Sección HS3, relativa aos requisitos sanitarios da calidade do aire interior, que os edificios disporán de medios para que os seus recintos se poidan ventilar axeitadamente, eliminando os contaminantes que se produzan de xeito habitual durante o seu uso normal, de xeito que se achegue un caudal suficiente do aire exterior e se garanta a extracción e expulsión do aire viciado polos contaminantes.

Do mesmo xeito, para limitar o risco de contaminación do aire interior dos edificios e do contorno exterior nas fachadas e nos patios, a evacuación dos produtos de combustión das instalacións térmicas produciranse con carácter xeral pola cuberta do edificio, con independencia do tipo de combustible e do aparello que se vaia utilizar, e de acordo coa regulamentación específica sobre instalacións térmicas. O RITE define como instalación térmica as instalacións fixas de climatización (calefacción, refrixeración e ventilación) e de produción da auga quente sanitaria destinadas a atender a demanda do benestar térmico e a hixiene das persoas.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde