Principais problemas de saúde relacionados coa calidade do aire interior

Principais problemas de saúde relacionados coa calidade do aire interior

Unha deficiencia na calidade do aire interior pode dar lugar a efectos sobre os individuos que afectan a súa saúde, confort e produtividade. Segundo a OMS nas cidades pasase do 80 ao 90% da xornada en espazos pechados (oficinas, escolas, hospitais, comercios, domicilio, etc.) polo que para preservar a saúde das persoas é importante seguir as normativas vixentes para a calidade do aire interior na que se establecen parámetros de actuacións específicos na construción, ventilación e mantemento de espazos pechados para garantir a salubridade dos seus ocupantes.

A contaminación dos ambientes interiores dos edificios é a causa de múltiples problemas de saúde de variada natureza, que poden abarcar dende unha simple fatiga ou molestia, ata síntomas compatibles con alerxias, infeccións e cancro, entre outras.

Os cambios no estado de saúde dunha persoa debidos á mala calidade do aire interior poden manifestarse en diversos síntomas agudos e crónicos así como na forma de diversas enfermidades específicas. Os primeiro van dende efectos leves no tracto respiratorio alto, como a conxestión nasal, esbirros, enfermidades respiratorias agudas, dificultades para respirar, e outros efectos como a conxuntivite, ata efectos sistémicos como dor de cabeza, dificultade para concentrarse, etc. Con respecto aos efectos crónicos adversos, van dende enfermidades respiratorias respiratorias crónicas, broncoconstrición, bronquiolite, diagnóstico de asma, dilatación do corazón, disfunción endotelial, redución da capacidade pulmonar, hipersensibilidade bronquial, dor muscular, convulsións, secrecións do oído medio, asfixia, enfermidades reprodutivas, alteracións endocrinas, ataques cardíacos, coma, desenvolvemento de varios tipos de tumores, benignos e malignos, entre outras enfermidades ata incluso a morte.

Sa CIA Gal.jpg Fonte: Calidade do aire interior. Ministerio de traballo e inmigración

Síndrome do edificio enfermo (SEE)

A OMS definiu o “Síndrome do edificio enfermo” (SEE) como: conxunto de molestias e enfermidades orixinadas ou estimuladas pola mala ventilación, a descomposición de temperaturas, as cargas iónicas e electromagnéticas, as partículas en suspensión, os gases e vapores de orixe químico e os bioaerosois, entre outros axentes causais identificados, que produce, nal menos un 20% dos ocupantes, un conxunto de síntomas específicos, sen que as súas causas estean perfectamente definidas.

A OMS establece dous tipos de edificios enfermos:

  • Edificio temporalmente enfermo. Edificio novo ou acabado de renovado no que os síntomas van diminuíndo a medida que pasa o tempo. Soen desaparecer ao cabo dos seis meses aproximadamente.
  • Edificio permanentemente enfermo. Os síntomas séguense mostrando durante anos. Soen estas asociados a deficiencias das instalacións fixas.

Enfermidades relacionadas co edificio (ERE)

Defínese este tipo de enfermidades como un conxunto de síntomas definidos, a miúdo acompañados por signos físicos e anormalidades clínicas, que poden afectar so a uns poucos ocupantes do edificio e que teñen unha etioloxía coñecida.

Soen ser pouco frecuentes, pero poden orixinar graves problemas de saúde. A súa etioloxía está localizada no propio edificio podendo ser de orixe infeccioso, alérxico ou de tipo irritativo.

As diferencias co SEE son: orixe coñecido, afecta a menor número de persoas e menos frecuentes pero a miúdo máis graves. É dicir, son aquelas nas que se demostra un vínculo entre a exposición relacionada co edificio e a enfermidade.

Algunhas das consecuencias máis frecuentes son: febre por inhalación, febre do humidificador, Legionella pneumophila, asma ocupacional e neumonitis por hipersensibilidade.

Lipoatrofía semicircular

A lipoatrofia semicircular é unha lesión, atribuíble ás condicións de traballo, que consiste na atrofia localizada no tecido adiposo subcutáneo que se caracteriza pola aparición de depresións en forma semicircular na superficie da pel e que pode darse en diferentes zonas do corpo (muslos, antebrazos, abdome...). Debese a unha combinación entre factores persoais e algúns ambientais.

Síndrome de sensibilidade química múltiple

A sensibilidade química múltiple (SQM), tamén coñecida como intolerancia ambiental idiopática, é unha enfermidade adquirida, crónica e non psicolóxica, que manifesta síntomas en múltiples sistemas orgánicos como resposta a unha mínima exposición a múltiples compostos quimicamente non relacionados. As reaccións producidas dependen dos órganos afectados, a duración e concentración da exposición, a susceptibilidade da persoa e as sinerxías que se podan producir no momento da exposición.


​​​​

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde