Recomendacións sanitarias

Recomendacións sanitarias

A calidade do aire interior nun edificio depende dunha serie de variables, como a calidade do aire exterior, o deseño orixinal e as subsecuentes modificacións na estrutura e os sistemas mecánicos, as técnicas de construción, as fontes de contaminación (materiais de construción e mobiliario, humidade, procesos e actividades dentro do edificio), os ocupantes do edificio e as fontes externas.

A calidade do ambiente interior depende en gran parte do correcto deseño, hixiene, mantemento e funcionamento dos sistemas de ventilación e climatización do edificio. Ditos sistemas tenden a cubrir as necesidades de calefacción, refrixeración e acondicionamento do aire do edificio, a miúdo empregando a mesma instalación. Ademais estes sistemas deben crear condicións térmicas aceptables (temperatura e humidade) procurando confort térmico para os ocupantes.

Para mellorar a calidade do aire dos interiores existen catro tipo de estratexias a controlar:

As fontes contaminantes

O control das fontes implica a súa correcta identificación para actuar sobre as mesmas se é posible. Entre as distintas formas de actuación, as máis destacadas serán:

1. Eliminar ou reducir a fonte

É o método ideal para controlar a calidade do aire interior, xa que se trata dunha medida permanente que non require operacións de mantemento posteriores. Algunhas das medidas que se poden levar a cabo son:

Non fumar no interior do edificio.

Evitar a acumulación de sucidade e lixo. Non deixar residuos e refugallos que poden converterse, a súa vez, en focos de emisión.

Traslado dun equipo contaminante, por exemplo as fotocopiadoras, a áreas onde, por estar menos ocupadas e por ter unha renovación do aire máis axeitada, non presenten problemas.

Efectuar as operacións de mantemento rapidamente. Debe actuarse coa maior dilixencia ante fugas de gases, fume de chemineas ou fluídos de calquera tipo. As gretas e desconchados deben ser analizados e reparados con celeridade.

2. Substituír a fonte

Senón se pode eliminar a fonte contaminante ou reducir a súa incidencia ata niveis aceptables, intentarase a substitución total da causa, xa sexa cambiando os produtos empregados (mantemento, limpeza, decoración, etc.) por outros que presenten menos riscos ou incluso cambiando algúns equipos e/ou procedementos de traballo. Algunhas das actuacións poden ser:

Substituír materiais de decoración do edificio que sexan defectuosos na súa fabricación, capaces de absorber en certas condicións compostos volátiles e reemitilos posteriormente (por exemplo moquetas) ou difíciles de limpar e manter, que recollan poe que a súa vez podan ser fonte de emisión de fibras como algúns materiais téxtiles.

Substituír materiais de construción que estean danados ou sexan defectuosos, como sería o caso dos falsos teitos que deixan á intemperie as conducións xerais do edificio.

3. Mitigar a acción da fonte

Para aquelas fontes que non poden ser eliminadas ou substituídas procurarase limitar os seus defectos con distintas medidas, tales como:

  • Selado da fonte.
  • Mellorar o almacenamento de materiais que podan xerar contaminación (produtos de limpeza, repostos, etc.).

Melloras na ventilación

Outro enfoque para diminuír as concentracións de contaminantes do aire en espazos pechados nunha edificación é incrementar a cantidade de aire externo que ingresa ao interior. A ventilación ademais de axudar a controlar as temperaturas interiores tamén axudan a eliminar ou diluír contaminantes transmitidos polo aire en espazos pechados que proveñen de fontes exteriores. Esto reduce o nivel de contaminantes e mellora a calidade do aire dos interiores. Sen embargo, hai que avaliar detidamente o uso de ventilación para reducir os contaminantes do aire en espazos pechados onde pode haber fontes exteriores próximas a elementos contaminantes, como fume e refugallos.

Nun edificio débese ter en conta unha serie de variables, como son a calidade do aire exterior e o deseño do sistema de ventilación e acondicionamento do aire, sobre todo hoxe en día na que nos edificios son cada vez máis herméticos.

Enténdese por “ventilación” o proceso de subministrar aire limpo e eliminar aire contaminado ou viciado por medios naturais ou mecánicos, co fin de proporcionar o osíxeno necesario para a respiración, diluír os contaminantes, evitar a dispersión de contaminantes, evitar a dispersión de contaminantes ata zonas no desexadas e, cando é posible controlar a temperatura e a humidade no interior.

Normalmente distínguense dous tipos:

1. Ventilación xeral por dilución.

Consiste na mestura de aire contaminado con aire exterior co fin de reducir os niveis de contaminación ata valores aceptables. Distínguense dous tipos de ventilación:

  • Natural, se o movemento se debe a causas naturais, apertura de portas e xanelas.
  • ​Forzada, cando o movemento é producido por medios mecánicos. Dentro desta pódese distinguir:

Ventilación por extracción. Actúa gracias á depresión provocada no local polo funcionamento dun extractor mecánico. É o que normalmente se emprega nos garaxes, onde se produce CO (moi velenoso), que debe eliminarse inmediatamente.

Ventilación por impulsión. A entrada do aire se efectúa por medios mecánicos producíndose unha sobrepresión, o aire flúe cara o exterior polas aberturas dispostas para elo, o seu paso barre os contaminantes interiores e deixa o local cheo do aire puro exterior. É axeitado cando o aire atmosférico está sensiblemente contaminado.

Ventilación por impulsión-extracción. Tanto a entrada como a saída do aire se efectúan por medios mecánicos. É o sistema máis completo e se empregará cando nos locais sexa necesario un varrido perfecto ou a instalación sirva a un conxunto de locais que, segundo o seu uso, uns deban estar en sobrepresión ou outros en depresión.

2. Ventilación por extracción localizada.

Consiste na captación do contaminante no mesmo foco de xeración, evitando que se difunda ao ambiente de traballo. É un sistema indicado cando existe un foco emisor dalgún.

3.  Mixta

Cando a entrada é mecánica e saída natural e viceversa.

Outras accións

Inda que o sistema de ventilación dunha vivenda cumpre un papel fundamental na renovación do aire, este pódese complementar con outras accións sinxelas:

  • Evitar accións que aumenten a porcentaxe de humidade, como o secado da roupa no interior da vivenda.
  • Usar aspiradores para eliminar a acumulación do po e os purificadores de aire para eliminar ácaros e fungos.
  • Limitar o uso de produtos químicos de limpeza.
  • Evitar o emprego de velas ou fumar no interior da vivenda.
  • Quitar alfombras sempre que sexa posible, ou limpalas de maneira frecuente.
  • Empregar plantas naturais que teñan unha actividade de filtrado de contaminantes.
  • ​Asegurar o bon estado e realizar un mantemento frecuente dos sistemas de extracción.

Naquelas vivendas sen un sistema de ventilación ad hoc, empregar unha ventilación natural, creando unha corrente interior para que a renovación do aire sexa máis efectiva.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde