Impacto das baixas temperatura sobre a saúde

Impacto das baixas temperatura sobre a saúde

A exposición a baixas temperaturas asóciase coa intensificación de enfermidades na poboación vulnerable a medio e longo prazo, xunto coa acción oportunista dos axentes infecciosos. Por esta razón, os seus efectos en saúde son máis difusos dificultando a identificación das baixas temperaturas como un risco presente tanto por pacientes, como por profesionais e público xeral. Así mesmo, esta influencia difusa das baixas temperaturas sobre a saúde dificulta a aplicación de accións específicas de prevención.

Porén, é necesario diminuír os riscos para a saúde da poboación derivados dos factores ambientais e os seus condicionantes, diminuíndo a carga de enfermidades causadas por eles, identificando novas ameazas derivadas e facilitando o desenvolvemento de políticas en materia de saúde ambiental. Por iso, publícase o “Plan Nacional de actuacións preventivas por baixas temperaturas” que se atopa baixo o ámbito de aplicación do Plan Estratéxico de Saúde e Medioambiente (PESMA).

As vagas de frío non afectan a poboación do mesmo xeito, polo que é importante identificar os grupos de risco e ter en conta os efectos que poden influír, como son as condicións de vida, as da vivenda ou os niveis de contaminación ambiental. Os principais grupos de risco son as:

  • Persoas maiores de máis de 65 anos.
  • Persoas con enfermidades crónicas susceptibles de ser agravadas nas situacións de estrés prolongado. En especial aquelas persoas que padecen de enfermidade cardiovascular, respiratoria, neurolóxica, hipotiroidismo e diabetes ou trastornos psiquiátricos.
  • Mulleres xestantes, poden ter complicacións no parto.
  • Recén nacidos e lactantes.
  • Persoas que toman medicamentos que poden potenciar os síntomas ligados ao frío ao interferir cos mecanismos adaptativos do organismo como son os vasodilatadores, depresores do SNC, relaxantes musculares, etc.
  • Persoas de mobilidade reducida, desnutridas, con esgotamento físico, casos de intoxicación etílica.
  • Persoas que traballan ao aire libre.
  • Persoas que practican deportes ao aire libre en zonas frías.
  • Todas as persoas sen fogar e que sofren pobreza ou baixo estatus económico.

A exposición a baixas temperaturas pode provocar hipotermia, conxelación, debilitar a resposta defensiva do noso corpo, conducir a un sobre-estrés do organismo provocando unha descompensación orgánica, aumentar a incidencia doutras complicacións de saúde (aumento dos diagnósticos por depresión ou ansiedade, etc.), accidentes de tráfico e caídas por placas de xeo, incendios e intoxicacións por monóxido de carbono, entre outros.

A consecuencia máis grave da exposición ao frío é a hipotermia, cuxos síntomas máis frecuentes son:

  • Diminucíón considerable da temperatura corporal.
  • Tremor/tiritona, contraccións involuntarias dos músculos.
  • Descoordinación, torpeza e falta de destreza.
  • Confusión, dificultade de concentración e alteración da memoria.
  • Diminución ou ausencia de sensibilidade.
  • Dor en músculos ou articulacións.
  • Rixidez e cambras.
  • Conxelacións locais.

As principais recomendacións sanitarias para previr os efectos negativos para a saúde das baixas temperaturas, son:

No exterior

En caso de ser necesario saír de casa, centralice as actividades no exterior durante as horas nas que se rexistren as temperaturas máis elevadas e teña en conta as seguintes precaucións:

  • ​Usar roupa lixeira, non apertada e que transpire. Empregar varias capas de roupa lixeiras superpostas en lugar dunha soa de tecido groso
  • Prestar especial atención á protección da cabeza, o pescozo, os pés e as mans, porque son as zonas máis sensibles e de maior perda de calor.
  • Empregar roupa de abrigo resistente ao vento e á humidade e calzado impermeable e antiescorregadiza.
  • Procurar permanecer seco, xa que a roupa mollada arrefría o corpo rapidamente.
  • En caso de ter que realizar un traballo físico baixo o frío, debe facerse con precaución, suavemente, procurando non esgotarse, especialmente se se sofre algunha doenza de tipo cardiorrespiratorio ou hipertensión.
  • Respirar polo nariz e non pola boca, xa que o aire quéntase ao pasar pola fosas nasais e así diminúe o frío que chega aos pulmóns.
  • Beber líquidos quentes e azucrados, salvo contraindicación médica e evitar as bebidas alcohólicas.
  • Extremar as precaucións no caso de que haxa xeo na rúa para evitar caídas que poden producir fractura de cadeira ou doutros ósos.

Viaxando

  • Viaxa en transporte público ou, se o fas en coche, en compañía.
  • ​Previo á viaxe:
    • ​Informarse da situación metereolóxica e do estado das estradas, así como dos puntos de descanso ou refuxio.
    • Asegurarse do adecuado funcionamento do vehículo (pneumáticos, freos, luces, etc.) de que o depósito está cheo e de levar cadeas.
    • Cargar a batería do móbil.
  • ​​Durante a viaxe:

    • Utilizar a calefacción e ventilar o interior periodicamente (cada 1 ou 2 horas) durante uns segundos.
    • Descansar e levar líquidos azucrados e quentes se a viaxe é longa.
    • Ter coidado cos cambios bruscos de temperatura que se producen ao entrar ou saír do coche.
    • Non deixar a menores, persoas maiores, nin animais en vehículos estacionados.

​No interior

  • Manter a calor do fogar: pechar portas, xanelas, persianas etc., evitando que as correntes de aire ou auga entren.
  • Utilizar as medidas tradicionais ao alcance: mantas, estufas, radiadores, etc.
  • En caso de utilizar estufas de leña e de gas ou braseiros de carbón:
    • ​​​Ventilar a estancia con frecuencia para renovar o aire e evitar a acumulación do dióxido de carbono.
    • Comprobar o correcto funcionamento das estufas e mantelas afastadas de tecidos ou elementos inflamables, apagalas durante a noite.
  • Empregar varias capas de roupa lixeira superpostas en lugar dunha soa de tecido groso.
  • Beber líquidos quentes e azucrados, salvo contraindicación médica e evitar as bebidas alcohólicas.
​​Ante problemas de saúde
  • Manter o contacto coas persoas consideradas máis vulnerables (chamadas ou visitas) para valorar a súa situación concreta e previr efectos graves das baixas temperaturas.
  • Recoméndase a vacinación contra a gripe en persoas maiores de 60 anos e nas que padecen algunha enfermidade crónica (cardiopulmonarmetabólica inmunodeprimidos).
  • Consultar co seu médico ou médica de referencia, co 061 ou o 112 en caso necesario.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde