Os
cambios da temperatura da atmosfera estreitamente vinculados cos
cambios no ciclo hidrolóxico que inflúen directamente na calidade
das aguas de consumo humano e de baño.
O
sexto informe do IPCC publicado en 2023 indica que as
consecuencias negativas do cambio climático estanse a experimentar
antes e teñen consecuencias de maior magnitude que as anticipadas
en informes anteriores. Os estudos científicos coinciden en prever
un aumento dos perigos relacionados coa auga, un aumento das
ameazas da súa dispoñibilidade e calidade debido ao incremento do
calentamento global, o cal repercute nos sectores agrícola e
enerxético, na integridade dos ecosistemas e as cuncas fluviais
que se nutren do desxeo, glaciares, a dispoñibilidade de augas
subterráneas e o almacenamento da auga superficial.
O
incremento das temperaturas aumentará a demanda da auga da
vexetación e os cultivos entre un 25% e un 200%. Ademais, as
precipitacións daranse con menos períodos de choiva, pero máis
intensos, aumentando así as grandes inundacións.
Na nosa comunidade autónoma, debido ao
incremento da frecuencia de aparición destes episodios nos
últimos anos, elaborouse o Plan de Seca para a Demarcación
Hidrográfica de Galicia Costa, cuxos obxectivos son garantir a
dispoñibilidade de auga requirida para asegurar a saúde e a
vida da poboación e minimizar os efectos negativos sobre os
abastecementos urbanos.
A seca asóciase tamén cunha maior aparición de
incendios forestais, os cales poderán ter efectos adversos nos
estándares de calidade da auga debidos a efectos físicos dos
sedimentos e das cinzas que se depositan nas correntes, do
aumento de nitratos e outros nutrientes das plantas, da
introdución de radionucleótidos e de metais procedentes das
cinzas, chans e fontes xeolóxicas na área queimada e da
introdución de químicos ignífugos. Se desexa ampliar a
información relativa a influencia dos incendios forestais na
auga de consumo pode consultar Recomendacións da Consellería de Sanidade
fronte ás posibles consecuencias dos incendios forestais
na auga de consumo.
Os extremos nas precipitacións por defecto e por
exceso poderían intensificar a carga microbiolóxica e
contaminación química da auga, supoñendo unha maior carga de
enfermidades de transmisión hídrica. As enfermidades
relacionadas coa auga inclúen enfermidades transmitidas
pola auga e as causadas por patóxenos, como bacterias,
virus e protozoos. Os efectos na saúde das enfermidades de
transmisión hídrica por contaminación microbiolóxica xa sexa por
bacterias ou virus, xeralmente provocan cadros diarreicos, con
sintomatoloxía propia segundo o patóxeno implicado.
As ameazas
sanitarias máis importantes, en canto a auga de abastecemento
e as augas recreativas, poderían relacionarse con episodios de contaminación intensos provocados por inundacións e riadas, capaces
de afectar, e inutilizar algunhas infraestruturas de
abastecemento e saneamento, incrementándose o risco de
contaminación das captacións de auga para consumo humano e
poñendo en risco á poboación pola aparición de brotes
epidémicos de transmisión hídrica ou intoxicacións.
As principais accións encamiñadas a
garantir a aptitude e calidade da auga subministrada á
poboación pasan pola realización
dun rigoroso control analítico, pola
adopción de medidas correctoras ante a detección de
incumprimentos paramétricos e na
adecuación das infraestruturas e dos tratamentos ás
características e ás variacións estacionais e anuais da
calidade das aguas brutas. A lexislación de referencia
en materia de agua de consumo é o Real
Decreto 3/2003, do 10 de xaneiro,
polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios
da calidade do auga de consumo, o seu control e
subministro. Se desexa ampliar a información relativa a
calidade das augas de consumo prema nos seguintes
ligazóns: Lexislación nacional de
augas de consumo,e
Sistema de Información
Nacional de Aguas de Consumo (SINAC).
Con
respecto as augas de baño da nosa comunidade poderá
consultar tamén os datos sobre a calidade das augas de
baño e outra información de interese relativa á
vixilancia sanitaria na seguinte ligazón.
O efecto das altas temperaturas da
auga tamén poden favorecer a proliferación de
cianobacterias particularmente en embalses e
lagos, podendo acontecer tamén en augas mariñas.
As cianobacterias poden constituír un risco para a
saúde pública pola súa capacidade tóxica, al
sintetizar toxinas que producen hepatotoxicidade,
neurotoxicidade e inhalación ou contacto directo
con auga potable ou de recreo contaminada e a
través do consumo de peixe e mariscos
contaminados.
Entre
os efectos agudos na saúde das cianobacterias
destacan as irritacións da pel, de ollos e de oídos,
os episodios alérxicos, mareos e cefaleas,
hepatoenteritis, gastroenteritis, dano renal e
deshidratación. Entre os efectos crónicos inclúense
o hepatocarcinoma, cancro primario de fígado e
mutacións metafase cromosómicas.
Non
existe lexislación específica que estableza medidas
de xestión en función do número de células de
cianobacterias ou toxinas presentes na auga, polo
que a Consellería de Sanidade adoptou as
recomendacións realizadas pola OMS para actuar ante
a presenza de proliferación de cianobacterias nas
augas de baño. Para máis información prema na
seguinte ligazón.
Por outro lado, os patróns de
transmisión das enfermidades vehiculadas por
alimentos están influenciados por varios
factores, incluíndo os elementos climáticos e
ecolóxicos. Os cambios nas temperaturas e na
calidade do auga poden afectar a calidade da
produción agrícola e por tanto no abastecemento de
alimentos das poboacións e aumentar o risco de
enfermidades de transmisión alimentaria producida
por virus, bacterias, fungos ou tóxicos químicos.
Para máis información sobre as características
principais dos axentes e dos síntomas prema nas
seguintes ligazóns: caracteristicas principais e síntomas, período de
incubación e duración En contextos onde a alimentación da
poboación xa constitúe un problema hoxe en día, os
efectos do cambio climático poden agravar a
malnutrición da poboación, especialmente dos
grupos máis vulnerables.