Ozono (O3)

Ozono (O3)

O Ozono está composto por tres átomos de osixeno é un gas incoloro de olor penetrante e moi oxidante, capaz de reaccionar con todo tipo de substancias, xa sexan tecidos vivos ou materiais inertes. En condicións estándar ten unha vida media de aproximadamente 20-60 minutos (dependendo da calidade, temperatura e humidade do aire ambiente, inda que depende da temperatura, pH e calidade da auga), de olor acre penetrante e detectable polo olfacto a concentracións entre 0,02 e 0,05 ppm.

O ozono é considerado un gas de efecto invernadoiro que contribúe ao quentamento da atmosfera.

Fontes principais

Na troposfera, o O3 pode proceder da entrada dende a estratosfera ou ben ser orixinado de maneira secundaria a partir de reaccións químicas complexas dende a proximidade das fontes de emisión dos seus gases precursores ata as zonas receptoras da contaminación, reaccións nas que participan outros gases contaminantes que actúan como precursores, principalmente óxidos de nitróxeno (NO2 secundario, xunto ao emitido como primario) e compostos orgánicos volátiles (COVs, tanto antrópicos como bioxénicos procedentes da vexetación) en presencia de luz solar (produción fotoquímica local). Non obstante, outras veces pode aparecer polo transporte dende longas distancias de este contaminante producido noutras áreas.

As emisións de instalacións industriais e aparatos eléctrico, fumes de vehículos, vapores de gasolina e disolventes químicos son as principais fontes de óxidos de nitróxeno e compostos orgánicos volátiles.

Referencia lexislativa e acordos internacionais

Os valores obxectivo, obxectivo a longo prazo e os limiares de activación, de información e de alerta relativos ao ozono troposférico para a protección da saúde recollido no Real Decreto 34/2023, do 24 de xaneiro, son os seguintes:


Parámetro

Valor límite µg/m3

Valor obxectivo

Máxima diaria das medias móbiles octohorarias (1)

120 valor que non se poderá superar en máis de 25 días por cada ano civil de medio nun período de 3 anos

Obxectivo a longo prazo

Máxima diaria das medias móbiles octohorarias nun ano civil

120

(1) O máximo das medas móbiles octohorarias do día deberá seleccionarse examinando medias móbiles de oito horas, calculados a partir de datos horarios e actualizados cada hora. Cada medio octohorario así calculado asignarase ao día en que dito medio termina, é dicir, o primeiro período de cálculo para un día calquera será o período a partir das 17.00 h do día anterior ata a 1.00 h de dito día; o último período de cálculo para un día calquera será o período a paritr das 16.00 h ata as 24.00 h de dito día.

Os limiares de activación, información e de alerta recollidos no RD son:


Parámetro

Limiar µg/m3

Limiar de activación

Medio de 8 horas h (1)

120

Limiar de información

Medio horario

180

Limiar de alerta

Medio horario (2)

240

(1) O valor medio de 8 h haberá de medirse ao determinarse predictivamente para a activación do plan, durante un número determinado de horas ou días a definir xustificadamente pola administración competente, garantindo a protección da saúde da poboación e que os medios necesarios estarán dispoñibles para a adopción de medidas no caso de superación dos limiares de información ou alerta.​

(2) A efectos da aplicación do artigo 25, a superación do limiar debese medir ou prever durante tres horas consecutivas.

Calidade do aire interior

No ambiente interior orixínase en aqueles equipos que xeran unha descarga de potencial entre placas metálicas ou con existencia de radiacións ultravioleta. Isto ocorre en máquinas fotocopiadoras, impresoras láser, equipos electroestáticos para purificación do aire, motores eléctricos e equipos con radiación UV, como os empregados en desinfección.

O emprego de xeradores de ozono como desinfectante e desodorizante en locais pechados para o control de microorganismos, cheiros, etc., debe realizarse sempre polo persoal experto e baixo condicións de estrito control, sen presencia de persoas na área tratada e renovando o aire interior despois da súa aplicación.

Efectos na saúde

Debido o seu poder oxidante os efectos inmediatos sobre a saúde son: irritación do tracto respiratorio e dos ollos, tos, dificultades respiratorias, etc. A medio prazo pódese producir diminución xeral do rendemento físico, así como síntomas de malestar xeral tales como: dor de cabeza, cansazo, pesadez, etc. A longo prazo pode producir alteracións na función pulmonar (neumonitis e neumonía).

En xeral, os efectos da exposición ao ozono acentúanse canto maior é a súa concentración, o tempo de exposición e os niveis de actividade física durante a mesma. A gravidade da resposta depende estreitamente da sensibilidade do sistema respiratorio e, a miúdo, do estado inmunitario da persoa exposta, polo que é importante establecer un sistema de traballo que permita renovar o aire no espazo tratado con O3 antes de que sexa ocupado.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde