Dióxido de xofre (SO2)

Dióxido de xofre (SO2)

É un gas incoloro, irritante, cun olor penetrante que se comeza a percibir con 0,3 a 1,4 ppm e é perfectamente distinguible a partir de 3 ppm. A súa densidade é o dobre que a do aire. Non é un gas inflamable, nin explosivo e ten moita estabilidade, é moi soluble en auga e en contacto con ela convértese en ácido sulfúrico.

Fontes principais

A presencia de dióxido de xofre débese ás actividades asociadas coa combustión dos combustibles fósiles (a madeira, o carbón e os derivados do petróleo) tal como acontece nas plantas de enerxía, nos procesos de calefacción ou nos vehículos de transporte. Na natureza o anhídrido sulfuroso pódese liberar ao aire polas erupcións volcánicas.

Unha vez liberado ao ambiente, pódese transformar no ácido sulfúrico (H2SO4) e no trióxido de xofre (SO3). Actúa tamén como precursor doutros contaminantes como as partículas PM 2,5 e xunto cos óxidos de nitróxeno (NOx) e o amoníaco (NH3) é un dos principais causantes da choiva ácida.

Mentres os niveis do SO2 no aire son tipicamente máis altos nos meses de inverno, demostrouse que a exposición é máis alta durante os meses de verán, debido seguramente ao aumento das actividades ao aire libre durante este meses e a unha maior ventilación dos fogares.

Referencia lexislativa e acordos internacionais

Os valores límite do SO2 para a protección da saúde recollido no Real Decreto 102/2011, son os seguintes:


Período de medio

Valor límite µg/m3 SO2

Valor límite horario

1 hora

350 valor que non se poderá superar en máis de 24 ocasións por ano civil

Valor límite diario

24 horas

125 valor que non se poderá superar en máis de 3 ocasións por ano civil


Os limiares de activación, información e de alerta recollidos no RD son:



Parámetro

Limiar µg/m3 SO2

Limiar de activación

Medio horario (1)

200

Limiar de información

Medio horario (2)

350

Limiar de alerta

Medio horario

500, considerarase superado cando durante 3 horas consecutivas se exceda dito valor cada hora en lugares representativos da calidade do aire nunha área de, como mínimo, 100 km2 ou nunha zona ou aglomeración enteira, tomando a superficie que sexa menor

(1) Haberá de medirse ou determinarse preditivamente para a activación do plan, durante un número determinado de horas a definir xustificadamente pola administración competente, garantindo a protección da saúde da poboación e que os medios necesarios estarán dispoñibles para a adopción de medidas en caso de superación dos limiares de información ou alerta.

(2) Durante un número determinado de horas para o medio móbil 24 h ou días para o medio diario a definir pola administración competente sempre e cando permita garantir a protección da saúde da poboación.

Calidade do aire interior

O SO2 considérase un contaminante exterior, xa que é onde se atopan a maioría das fontes que o orixinan. En ambientes interiores os niveis presentes son moi inferiores aos do exterior, sempre que non existan focos que o poidan orixinar como estufas de queroseno, caldeiras ou chemineas.

Efectos na saúde

O SO2 é un produto primario da combustión de combustibles fósiles que pode ser agrupado xunto a aerosois ácidos e partículas para formar un complexo grupo de distintos contaminantes do aire asociados cunha ampla serie de efectos adversos sobre a saúde, incluíndo mortalidade e morbilidade respiratoria a corto prazo e irritación e agravamento de enfermidades respiratorias crónicas con efectos agudos.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde