Benceno

Benceno

A exposición a benceno está relacionada con importantes problemas de saúde, a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC, polas súas siglas en inglés) clasificouno no grupo 1 como canceríxeno en humanos, incluso establece unha relación directa con desenvolvemento de leucemias mieloides en adultos expostos ocupacionalmente.

O benceno é un líquido incoloro de olor doce, que se evapora ao aire rapidamente e é so lixeiramente soluble na auga. É sumamente inflamable. A maioría da xente pode empezar a detectar o olor do benceno no aire cando está en concentracións de 60 ppm e a recoñecelo cando a concentración alcanza os 100 ppm. O benceno ademais do aire, tamén se atopa na auga e no chan.

Fontes principais

O benceno proven tanto de fontes industriais como naturais. Entre as fontes naturais de benceno, entre as que se inclúen as emisións volcánicas e os incendios forestais, tamén contribúen á presencia de benceno no medio ambiente.

As principais fontes antropoxénicas de exposición ao bencenos son o fume do tabaco, as estacións de servizo, os gases do tubo de escape dos coches e as emisións industriais. Os vapores ou gases de produtos que conteñen benceno como por exemplo: pegamentos, pinturas, cera para móbeis e deterxentes.

Referencia lexislativa

O valor límite do benceno para a protección da saúde recollido na Directivas 2008/50/CE e no Real Decreto 34/2023, do 24 de xaneiro, relativo á mellora da calidade do aire é 5 µg/m3.


Efectos na saúde

O benceno é un axente canceríxeno que pode ocasionar graves efectos para a saúde, sendo o máis destacado a leucemia mieloide aguda. Tamén se observou asociacións positivas para o linfoma no Hodgkin, leucemia linfoide, etc. Así mesmo, está recoñecido o seu potencial mutaxénico, incluíndo a súa capacidade para provocar mutacións hereditarias, nas células xerminais dos humanos.

Ademais dos seus efectos canceríxenos no sistema hematopoiético, o benceno pode producir outros efectos agudos e crónicos na saúde. Unha exposición breve a concentracións altas poder producir irritación, mareos, náuseas, dor de cabeza, convulsións, perda de coñecemento, alteracións cardíacas e incluso a morte, se os niveis fosen moi altos.

Con respecto aos efectos crónicos, o máis destacado é a alteración dos tecidos de medula ósea onde se producen as células de sangue. Podendo producir anemias, hemorraxias e a leucemia comentada anteriormente. Tamén ten efectos prexudiciais para o sistema inmune e o reprodutor.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde