O radon

O radon

Galicia pioneira a nivel nacional na creación dunha estratexia para reducir o nivel de exposición da cidadanía ao gas radon


Entre as súas accións máis importantes están:

- Creación dunha comisión interdepartamental, adscrita á Consellería de Sanidade, para coordinar e impulsar as políticas públicas en relación ao gas radon, cunha oficina técnica encargada da execución das iniciativas

- Medición dos niveis do radon en centros sanitarios, educativos, sociosanitarios e fomentará a medición nos fogares e centros de traballo privados

- Recollida de información relacionada coa exposición ao radon no ámbito laboral e domiciliario para ser incorporada á carpeta persoal e á historia clínica de cada paciente

- Impulsarase a investigación de excelencia entre a saúde pública e outras áreas de coñecemento, en colaboración coas universidades galegas

- Debido a que a exposición a niveis elevados de radon no interior das vivendas é o primeiro factor de risco para padecer cancro de pulmón en persoas que nunca fumaron, Galicia intensifica o esforzo para reducir a incidencia do cancro de pulmón, que xa se materializa en iniciativas como o proxecto piloto do cribado na área sanitaria da Coruña e Cee

O 7 de novembro, coincidindo co día europeo do radon, presentouse a Estratexia galega reduce radon, aprobada no Consello da Xunta do 4 de novembro, iniciativa pioneira a nivel nacional da Consellería de Sanidade, impulsada co obxectivo de desenvolvela no período temporal 2025-2030 para reducir o nivel de exposición da cidadanía a este gas.

O gas radon é especialmente abundante en Galicia debido, entre outras cousas, ao alto contido en granito do subsolo. A súa concentración en ambientes interiores depende da área xeográfica e do nivel de illamento das construcións. A exposición continuada a niveis elevados de radon no interior das vivendas é o segundo factor de risco despois do tabaco para padecer cancro de pulmón e o primeiro, no caso de persoas que nunca fumaron.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade  impulsa a Estratexia galega reduce radon con dous obxectivos principais: reducir os niveis deste gas en ambientes interiores para manter os límites de exposición de acordo coa normativa europea e española; e previr e controlar as consecuencias para a poboación galega da exposición ao radon en ambientes interiores.

Medidas previstas

A Estratexia galega reduce radon estrutúrase en cinco eixes estratéxicos para acadar unha Galicia menos exposta a niveis de radon nos ambientes interiores.

- O primeiro eixe busca identificar os niveis de radon en lugares e áreas de Galicia, de modo que se poidan saber as áreas nas que existe unha maior probabilidade de encontrar altas concentracións de radon en edificacións, para facilitar o deseño da protección a nivel colectivo. Durante a vixencia do plan, a Xunta medirá os niveis do radon en centros sanitarios, educativos, sociosanitarios e fomentará a medición nos fogares e centros de traballo privados.

- O segundo eixe de acción está orientado á vixilancia epidemiolóxica e da saúde, que servirá para orientar con maior eficacia a prevención dos riscos para a saúde asociados á exposición a niveis de radon, así como realizar a planificación e avaliación sanitaria. Con este obxectivo, implantarase un sistema sinxelo de recollida de información sobre exposición ao radon para que sexa incorporada á carpeta persoal e á historia clínica electrónica única de cada paciente da sanidade pública galega.

- O terceiro eixe busca acadar unha boa xestión do coñecemento dos efectos da exposición ao radon na saúde da poboación para conseguir a integración dos diversos sectores involucrados con vistas a obter solucións integrais e que estas sexan as mellores solucións posibles. Neste sentido, a Xunta impulsará a investigación interdisciplinar de excelencia entre a saúde pública e outras áreas de coñecemento, en colaboración coas universidades galegas. Ademais, desenvolverase un plan de formación de axentes que interveñen no ámbito da edificación, do arrendamento ou da prevención de riscos laborais.

- O cuarto eixe está enfocada a acadar unha comunicación eficaz e clara para os profesionais e a poboación para conseguir o apoderamento para a saúde das persoas a título individual e das comunidades. Na práctica, deseñarase un plan de comunicación e información sobre os riscos para a saúde da exposición ao radon, así como a elaboración de guías para reducir a exposición aos niveis de radon nos edificios existentes.

- O quinto eixe céntrase na xestión do risco da exposición ao radon na poboación galega. Crearase unha comisión interdepartamental, adscrita á Dirección Xeral de Saúde Pública, para coordinar e impulsar as políticas públicas en relación ao gas radon. Tamén está previsto crear a Oficina técnica de control do radon para, poñer en marcha e desenvolver todas as accións indicadas nesta estratexia.

Un dos principios reitores desta estratexia é o enfoque en saúde en todas as políticas, xa que para conseguir a diminución dos niveis de radon nos ambientes interiores é necesario tomar medidas e decisións, non só sanitarias, senón tamén nos ámbitos da vivenda e do urbanismo, das infraestruturas, do emprego, da política social, da educación, etc.

A estratexia presentada pola Consellería de Sanidade completa a liña de acción global que está a desenvolver a Xunta para reducir a incidencia e mortalidade do cancro de pulmón en Galicia.


Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde