As actuacións para previr o cambio climático. Os principais acordos internacionais

As actuacións para previr o cambio climático. Os principais acordos internacionais

A resposta internacional ao cambio climático foi evolucionando ao longo dos anos, conforme se desenvolve a evidencia científica e se fai patente a necesidade de contar cun marco internacional axeitado para facer fronte ao cambio climático.

Sobre a base da información científica proporcionada polo IPCC (Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático), ao longo dos anos fóronse poñendo en marcha distintos instrumentos internacionais de loita contra o cambio climático.​​​​​​​​​​

A primeira Conferencia Mundial sobre o Clima, celebrada en 1979, identificou o cambio climático como un problema global urxente e fíxose un chamamento aos gobernos para facer fronte a este reto. Desde entón, houbo un gran número de conferencias internacionais para tratar o tema.


Acordos.jpg
 
Esquema cronológico de los acuerdos internacionales sobre el Cambio Climático. Fonte: elaboración propia.

En 1988, por iniciativa da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), créase o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC, polas súas siglas en inglés) para facilitar avaliacións integrais do estado dos coñecementos científicos, técnicos e socioeconómicos sobre o cambio climático, as súas causas, posibles repercusións e estratexias de resposta. Desde a súa creación, o IPCC preparou unha serie de documentos técnicos, informes especiais de avaliación, nos que traballan milleiros de científicos de 196 países, publicándose no ano 2023 o Sexto Informe de Avaliación proporcionando a valoración e síntese máis actualizada dos coñecementos sobre os aspectos científicos, técnicos e socioeconómicos do cambio climático, co obxectivo de servir internacionalmente na elaboración e negociación das políticas climáticas.

Posteriormente, en 1992 en Río de Janeiro, celébrase o Cume da Terra, formalmente coñecida como Conferencias de Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento (CNUCED), o que supón un encontro internacional no que participan xefes de estado de todos os países do mundo, co obxectivo de alcanzar acordos enfocados cara a un progreso no ámbito do medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, o cambio climático, a biodiversidade, a saúde, a xestión de residuos e outros temas relacionados. A Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC) é unha das tres convencións que se crearon tras este cume, con unha participación practicamente universal, conta con 198 Partes (197 países e unha organización de integración rexional - a UE- ratificárona ) e é o principal foro de Nacións Unidas onde se negocia sobre cambio climático. Foi adoptada en maio de 1992, e entrou en vigor o 21 de marzo de 1994. España asinouna en xuño de 1992, e ratificouna en decembro de 1993.

Tres anos despois da adopción da CMNUCC, o IPCC publicaba o seu 2º Informe de Avaliación (1995) no que se concluía que o clima xa comezara a cambiar por mor das emisións de gases de efecto invernadoiro. Debido a isto, dous anos e medio máis tarde, adóptase o Protocolo de Kioto, que é un dos instrumentos xurídicos internacionais máis importantes destinado a loitar contra o cambio climático. Contén os compromisos asumidos polos países industrializados de reducir as súas emisións dalgúns dos gases de efecto invernadoiro, responsables do quecemento global. As emisións totais dos países desenvoltos deberían reducirse durante o período 2008-2012 polo menos nun 5% respecto a os niveis de 1990.

Para dar continuidade ao marco xurídico e institucional do Protocolo de Kioto, adoptouse unha emenda, Emenda de Doha, ao Protocolo, alongándoo ata 2020, e incluíndo novos obxectivos de redución de emisións para parte dos países industrializados que tiveron compromisos no primeiro período e revisando a lista de gases de efecto invernadoiro a incluír nos informes (inclusión do NF3). Este segundo período de compromiso (2013-2020) do Protocolo de Kioto acordouse como ponte facía o acordo global que se alcanzou en 2015 co Acordo de París, tratado internacional, xuridicamente vinculante, que cobre todos os aspectos da loita contra o cambio climático, tanto a mitigación, como a adopción e os medios de imprementación. O Acordo de París conta con tres grandes obxectivos para reforzar a resposta mundial á ameaza do cambio climático:

1. Manter o aumento da temperatura mundial neste século moi por baixo dos 2 graos centígrados, e proseguir os esforzos para limitar aínda máis o aumento da temperatura a 1,5 graos centígrados.

2 . Aumentar a capacidade de adaptación para os efectos adversos do cambio climático e promover a resiliencia ao clima e un desenvolvemento con baixas emisións de gases de efecto invernadoiro.

3. Asegurar a coherencia de todos os fluxos financeiros cun modelo de desenvolvemento resiliente ao clima e baixo en emisións.

Cada 5 anos, todos os países deben comunicar e manter Contribucións Nacionalmente Determinadas (Nationally Determined Contributions ou NDC, polas súas siglas en inglés) ou plans de loita contra o cambio climático que deben incluír obxectivos de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Ademais, todos os países deben poñer en marcha políticas e medidas nacionais para alcanzar os devanditos obxectivos.

O Acordo de París recoñece a importancia de ir incrementando a ambición dos compromisos con obxectivos cada vez máis ambiciosos, é dicir, cada 5 anos os compromisos dos países serán cada vez maiores e sempre deben reflectir a máxima ambición posible.

O Consello Europeo, apoiou o obxectivo de alcanzar unha UE climaticamente neutra no 2050. É dicir, unha pegada de carbono cero que se conseguirá equilibrando a cantidade de dióxido de carbono (CO2) que se libera coa que se retira da atmosfera ou se fixa a través das plantas. Para conseguir este fin a Comisión Europea puxo en marcha en 2019 o Pacto Verde Europeo como a estratexia da UE para alcanzar o obxectivo para 2050. O Pacto Verde Europeo establece un plan de acción dirixido a alcanzar este obxectivo a través de dúas metas: impulsar un uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular, e restaurar a biodiversidade e reducir a contaminación.

Foto 2 acordos.png

Fonte: Comunicación da Comisión ao Parlamento Europeo, ao Consello Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións. O Pacto Verde Europeo

O Pacto Verde por tanto representa unha ambiciosa estratexia exposta por Europa en aras a alzarse como o primeiro continente climaticamente neutro en 2050 pero dunha maneira transversal no que se inclúen sectores tan interrelacionados entre si como protagonistas na súa consecución, desde a economía, a saúde, a calidade de vida ou a protección da natureza.

A Lei Europea do Clima, aprobada en xuño de 2021, é vinculante e directamente aplicable a todos os Estados Membros. Escolleuse a forma dun Regulamento debido a que este tipo de norma axústase mellor ao cumprimento que se persegue, ao garantirse a directa aplicabilidade dos seus preceptos. O Regulamento establece obrigacións para os Estados Membros, a propia Comisión (avaliacións, informes, recomendacións, medidas adicionais e revisións) así como para a Axencia Europea de Medio Ambiente.

España responde o compromiso asumido no ámbito internacional e europeo con respecto á loita contra o cambio climático e a transición enerxética, coLei 7/2021, de 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética, sendo esta o marco institucional para facilitar de maneira predicible a progresiva adecuación da realidade do país ás esixencias que regulan a acción climática e garantir a coordinación das políticas sectoriais, asegurando coherencia entre elas e sinerxías para alcanzar o obxectivo da neutralidade climática.

No marco da nosa Comunidade Autónoma, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable é o órgano responsable de executar a política ambiental en Galicia. Esta consellería vén desenvolvendo diferentes actuacións fronte ao cambio climático, sendo unha destas actuacións a elaboración da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 que é o instrumento planificador fronte ao cambio climático e a transición enerxética de cara ao horizonte temporal 2050 e que serve para establecer as grandes liñas de acción na loita contar o cambio climático desde unha perspectiva rexional, centrada en Galicia, permitindo tamén contribuír aos obxectivos establecidos a nivel global. Para o seu desenvolvemento e posta en práctica, redactaranse Plans Rexionais Integrados de Enerxía e Clima, correspondendo o primeiro ao período 2019 -2023 (Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima 2019-2023).

Na actualidade está a elaborarse a Lei do clima de Galicia, normativa que busca darlle rango legal ao compromiso de que Galicia sexa unha comunidade climaticamente neutra en 2050.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde