Impacto do cambio climático na incidencia das enfermidades transmitidas polos vectores

Impacto do cambio climático na incidencia das enfermidades transmitidas polos vectores

En conxunto as enfermidades transmitidas polos vectores representan un 17% das enfermidades infecciosas. Os principais vectores asociados á transmisión das ditas enfermidades son as carrachas e os mosquitos.

O impacto do clima sobre a presentación dunha enfermidade pódese producir a través da súa influencia na poboación dos vectores, dos hóspedes ou reservatorios, ou directamente no desenvolvemento do patóxeno. Nas últimas décadas detectouse un incremento na incidencia e distribución das enfermidades transmitidas por vectores, feito asociado ao fenómeno de globalización e ao cambio climático, dado que este modifica os patróns de distribución dos vectores responsables da transmisión.

Os cambios na temperatura, nas precipitacións e na humidade afecta o comportamento e a estacionalidade e a abundancia dos vectores, dos hóspedes intermediarios e dos reservatorios naturais e a súa distribución xeográfica.

En Galicia existen vectores infectados polos microorganismos que dan orixe ás enfermidades: leishmaniose, a febre exantémica mediterránea e enfermidade de Lyme.

Tamén hai vectores doutras enfermidades, como a debida ao virus do Nilo Occidental ou á febre hemorráxica de Crimea-Congo, que na actualidade non están a transmitir as ditas enfermidades en Galicia xa que aínda non están infestados cos microorganismos que as producen. Pero esta situación pode mudar se os mosquitos ou as carrachas se infestan e acadan unha densidade suficiente. De feito, xa se detectaron algúns casos en humanos da enfermidade debida ao virus do Nilo Occidental no sur da península Ibérica, e de febre hemorráxica de Crimea-Congo en Castela e León.

Na actualidade na nosa comunidade, están presentes vectores transmisores doutras enfermidades como o dengue, o chikungunya ou o zika, mais non se descarta que nun futuro poidan chegar e instalarse en Galicia, do mesmo xeito que xa fixeron noutras partes da península.

Co fin de controlar a transmisión destas enfermidades, coñecer a densidade, a distribución espazo-temporal e o grao de infestación dos vectores presentes e detectar a chegada e instalación dos que aínda non o están, constituíuse mediante un convenio de colaboración entre as consellerías de Sanidade e de Medio Rural e as universidades de Santiago de Compostela e Vigo, a Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec). Na páxina web desta consellería atópase información sobre Enfermedades Transmitidas por vectores.

Na páxina web do Ministerio de Sanidade pode atopar información técnica para profesionais sanitarios en relación coas enfermidades como o dengue, o chikungunya e o zika nesta ligazón.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde