Formaldehido (CH2O)

Formaldehido (CH2O)

O formaldehido é un composto orgánico altamente volátil (COV), máis denso có aire e moi reactivo á temperatura ambiente. Oxídase polo efecto da luz ao dióxido de carbono e na presenza de radicais hidroxilos produce o ácido fórmico. A súa solubilidade na auga é elevada.

As fontes principais

As principais fontes de emisión de formaldehido nos ambientes interiores son: os procesos de combustión (calefacción e cociñas de gas), os materias de construción (melaminas, madeiras aglomeradas, illantes a base de espumas ureicas, vernices e pinturas e tratamentos catalizados por ácido) e outros elementos domésticos (tintas e aditivos usados para darlles rixidez a tapicerías, cortinas e moquetas). É de destacar a emisión dos mobles que conteñen resinas de ureaformaldehido.

As concentracións deste contaminante no aire interior dependen da idade do edificio, da temperatura, da humidade relativa e da velocidade de intercambio de aire. O aire ambiente non adoita contribuír á contaminación por formaldehido do aire interior.

O fume do tabaco contén aproximadamente de 1,5 mg de formaldehido (30 µg no fume inhalado e 1526 µg no fume da cabicha). Un consumo dun paquete de cigarros ao día pode supor unha exposición de 1 mg/día. O fume do tabaco ambiental contribúe entre un 10 e un 25% á exposición.

A referencia lexislativa

Debido á súa baixa concentración no aire ambiente non existe ningunha lexislación europea, nin española que regule este contaminante no aire exterior.

A OMS recomenda un valor guía de 100 µg/m³ como concentración media en 30 minutos. O dito valor non só protexería dos efectos a curto prazo como a irritación, senón que tamén o faría dos efectos canceríxenos a longo prazo.

Os efectos na saúde

Debido á súa solubilidade na auga, ao ser inhalado é rapidamente absorbido no tracto respiratorio e metabolizado a formiato no tracto respiratorio superior.

Os principais efectos da exposición aguda ao formaldehido son a irritación da conxuntiva ocular e da mucosa do tracto respiratorio superior e inferior. Os síntomas son temporais e dependen da concentración e da duración da exposición. A exposición a altas concentracións de formaldehido pode causar queimaduras nos ollos, nariz e gorxa, mentres que a exposición crónica a concentracións moderadas poden asociarse a síntomas respiratorios e a sensibilidade alérxica, especialmente nos nenos. O contacto prolongado e repetido coa pel, dá lugar a irritación e a dermatite.

O IARC (Centro Internacional de Investigación sobre o Cáncer) considera este composto como canceríxeno do grupo I, e asóciao co cancro rinofarínxeo e coa leucemia mieloide.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde