Pole

Pole

A incidencia do contido polínico da atmosfera sobre a saúde humana é un problema ben coñecido por persoas de todas as idades, que se ven afectadas de forma importante por diversos síntomas que no seu conxunto coñécense co nome de polinose.

O número de persoas afectadas por enfermidades alérxicas causadas polo pole experimentou un notable incremento, estimándose actualmente que un 24% da poboación urbana (dos que máis do 40% son nenos/xoves) sofren reaccións positivas aos test de hipersensibilidade fronte a algún tipo polínico.​ 

O pole é un po fino composto polos grans, que son as células sexuais masculinas das plantas con flores. Estes grans fórmanse no interior dos estames, nuns recipientes chamados sacos polínicos, e cando chegan a súa maduración, son liberados, co obxectivo de alcanzar a célula reprodutora feminina dunha flor da mesma especie, denominada ovocélula, e fecundala. Nalgunhas especies (plantas autógamas) o pole pode realizar a súa función na mesma planta que o formou, pero na maioría das especies (plantas alógamas) o pole só resulta viable se alcanza unha ovocélula doutra planta da súa mesma especie. O traslado do pole dende o órgano onde se formou ata a parte feminina da flor coñécese como polinización e pode efectuarse de diversas maneiras, que son características para cada especie.

O proceso de polinización require que os poles sexan células especialmente resistentes, xa que se ven sometidos a condicións ambientais adversas que poderían provocar o colapso e desecación dos compoñentes celulares, alterándoos e facendo o pole inviable. Por este motivo, os poles están protexidos por unha cuberta chamada exina, constituída por un dos materiais máis inalterables presentes na natureza, a esporopelenina, moi resistente a ácidos e bases e aos cambios de temperatura.

esquema pole.jpg

Fonte: informe técnico para a construción dunha trampa cazapole e un secador solar de pole

Como calquera célula, os poles caracterízanse polo seu tamaño e forma. Pero no caso dos grans de polen, hai características que os describen, como son a estrutura e escultura (ornamentación) do seu exina e as aperturas que poden presentar, da que debe observarse o tipo (poros, colpos, a combinación de ambos ou a súa ausencia), o número e a disposición na superficie do gran.

A importancia do control aerobiolóxico

As sustancias químicas que constitúen o gran de pole poden desencadear, en persoas susceptibles, síntomas de rexeitamento manifestados como esbirros frecuentes, lagrimexo, prurito nasal, moqueira, etc. Isto é unha reacción do propio corpo ante unhas substancias estrañas que entraron polas vías respiratorias. Cada individuo reacciona de maneira diferente a esta agresión exterior, polo que existe unha gran variedade de síntomas, dende a rinite ou a conxuntivite ata a asma.

É en primavera cando a maior parte das plantas desenvolven os seus órganos sexuais, é dicir, as flores, para reproducirse. Sen embargo, non tódalas plantas polinizan en primavera. Algunhas o fan practicamente todo o ano, outras o fan basicamente no inverno e outras en verán e en outono.

Por estes motivos, dende o punto de vista de Saúde Pública, é moi importante coñecer os niveis de pole na atmosfera como indicadores de risco nos doentes alérxicos. Sendo esta información moi útil tanto para a poboación afectada como para os profesionais sanitarios implicados no seu diagnóstico e tratamento, porque poderán adoptar medidas para evitar ao máximo a exposición ao pole e tamén prescribir o tratamento profiláctico máis acomodado a cada momento.

Ante esta necesidade de considerar o contido polínico como unha compoñente importante para a valoración da calidade do aire, xurdiu a Rede Galega de Aerobioloxía (R.G.A). Este rede botou a andar no ano 1988, coa formalización do primeiro convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Consellería de Medio Ambiente. Dende o ano 2016, conta coa colaboración da Consellería de Sanidade.

A Rede Galega de Aerobioloxía intégrase na Red Española de Aerobiología (R.E.A.), a cal forma parte da European Aeroallergen Network (E.A.N.)/European Aeroallergen Network Server-European Pollen Information (E.A.N.S.-E.P.I.), cuxa finalidade é a de crear un banco de datos a nivel europeo. As unidades de alerxia e os principais laboratorios farmacéuticos europeos utilizan esta información para mellorar e adecuar as baterías de extractos que os médicos utilizarán na diagnose da alerxia.

Na actualidade a Rede Galega de Aerobioloxía está composta por cinco estacións, sitas nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo. Para a localización das estacións activas en Galicia tivéronse en conta estudos previos feitos na comunidade galega, que poñen de manifesto que son as cidades do interior as que recollen maiores concentracións.

Para a instalación dos captadores nos diferentes puntos de mostraxe de Galicia, deben cumprise os seguintes requisitos:

  • Estar o aire libre, nun lugar de fácil acceso, protexido e con toma de corrente asegurada.
  • Evitar o “efecto pantalla” de edificios próximos, que poidesen dificultar ou interromper o fluxo polínico.
  • Estar a unha altura 15-20 metros do chan.
  • Localizarse en lugares representativos de asentamento da poboación, evitando zonas de polución extrema que puidese afectar as mostras.

A metodoloxía empregada pola Rede Galega de Aerobioloxía é a metodoloxía estándar validada pola REA e que é común para toda Europa. As mostraxes son semanais entre os meses de marzo e xullo.

Recomendacións sanitarias

En xeral

  • É importante coñecer os tipos polínicos que lle producen alerxia. Consulte aos especialistas.
  • Coñeza a época de polinización das especies que lle afectan. Nos distintos medios de comunicación (internet, prensa, televisión, etc) pódese consultar a cantidade de grans de pole existente no ambiente en cada zona xeográfica. Se ten esta información, coñecerá os momentos de máximo risco nos que debe extremar as precaucións para evitar padecer un brote alérxico.
  • Evite as exposicións en ambientes exteriores, tanto nos días de maior concentración de pole, como nas horas do día que rexistran os picos de concentracións.
  • Evite factores engadidos que poden producir un empeoramento dos síntomas como fumes e vapores, cheiros fortes, contaminación atmosférica, cambios bruscos de temperatura, realizar exercicio físico sen preparación.
  • Planifique as viaxes en épocas e lugares onde non se detecta a presenza de pole no aire en valores superiores aos limiares de alerxia.
  • Lave con auga abundante o nariz e os ollos para aliviar os efectos da alerxia. Lave o pelo pola noite para limpalo do pole acumulado durante o día.
  • Seque a roupa en secadora ou en tendais dentro da casa, xa que na roupa colgada no exterior pode acumularse o pole. Evite, polo tanto, secar a roupa ao aire libre.

En exteriores

  • Protexa os ollos do contacto directo co aire co emprego de lentes que sexan o mais envolventes posible, reducen a entrada de pole nos ollos e alivian as irritacións oculares.
  • Evite os parques e xardíns, así como saír ao campo. No caso de saír á rúa, utilice unha máscara que filtre o aire.
  • Non corte o céspede nin se achegue cando estea acabado de cortar. O corte do céspede remove o pole. Tampouco debe realizar tarefas de xardinería.
  • Teña en conta que as concentracións de pole no aire aumentan en días de tormentas de alto contido eléctrico e ventos fortes.

En interiores

  • En lugar de varrer ou sacudir o po para limpar a casa utilizaranse aspiradores e trapos húmidos, polo menos unha vez por semana e en ausencia da persoa alérxica, se é posible. Aconséllase utilizar aspiradores especiais para alérxicos, cun elevado poder de retención de po.
  • Pulverice a casa con auga para limpar o aire do interior de partículas.
  • Se dispón de aire acondicionado é conveniente utilizalo porque ten filtros que evitan que o pole se manteña no interior da vivenda. Actualmente hai sistemas de filtración de aire que favorecen o paso do aire a través duns filtros que reteñen as partículas.
  • Evite peluches, moquetas, alfombras, cortinas, mantas e edredóns de plumas.
  • As xanelas da casa deben estar pechadas o maior tempo posible, sobre todo durante o día. Debe procurarse tamén ter as xanelas pechadas cando vai vento, para previr que entre o pole na casa.
  • Permaneza na casa os días de maior concentración de pole e os días de vento. Reduza as actividades ao aire libre.

De viaxe

  • Viaxe no coche coas ventás pechadas.
  • Manteña o interior do vehículo limpo, incluídos os condutos de ventilación.
  • Utilice o aire acondicionado para filtrar o aire que entra no automóbil e se é posible instale filtros antipole.
  • Evite viaxar en moto ou bicicleta. O aire, que contén grans de pole, golpeará con maior forza na cara e pode aumentar a cantidade que chega ás vías respiratorias. Se se utiliza a moto farase cun casco pechado.
  • Non se debe conducir se se toman antihistamínicos que provocan o sono. O grao de somnolencia é alto nos primeiros días do tratamento.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde